A SGAE lamenta a perda do dramaturgo Gustavo Pernas 30/out/2018
Falecido este 29 de outubro, era un dos referentes fundamentais da autoría teatral galega

O viveirense Gustavo Pernas Cora (1959-2018) faleceu este 29 de outubro aos 59 anos de idade. Considerado un dos expoñentes máis claros da dramaturxia galega contemporánea, ingresou na SGAE en 1996 co número 56.205. Deixou rexistradas preto de 20 obras cun alto nivel de calidade e caracterizadas por unha ollada propia e un forte compromiso social. Fundador da compañía Áncora Producións coa súa compañeira, Ánxela G. Abalo, compatibilizou o seu oficio de autor co de produtor, director de escena e actor.

O traballo de Pernas Cora como dramaturgo foi distinguido a través dos anos con múltiples galardóns e recoñecementos, entre os que cómpre salientar dous Premios Max consecutivos ao Mellor Texto Teatral en Galego por Paso de cebra (2006) e Final de película (2007, ex aequo). Outras das súas obras saíron gañadoras nos Premios María Casares, Premio Rafael Dieste, Premio Álvaro Cunqueiro, Premio Roberto Vidal Bolaño ou Premio Fervenzas Literarias, entre outros certames.

Os autores e editores da SGAE lamentan a perda de Gustavo Pernas Cora, home de teatro, e únense á dor da súa familia e seres queridos. Na noite deste 30 de outubro (20:30 horas) haberá un acto de despedida no tanatorio Albia, na Coruña.