Mañá inaugúrase o Festival de Cine Internacional de Ourense, co apoio da Fundación SGAE 13/nov/2015
O Auditorio Municipal de Ourense acollerá o acto de apertura este sábado ás 20:30 horas

O Festival de Cine Internacional de Ourense é unha referencia xa para o sector do audiovisual no noroeste peninsular. Na súa vixésima edición, a Fundación SGAE implícase co célebre OUFF, que se inaugura mañá, sábado 14. O Auditorio Municipal acollerá ás 20:30 horas a gala de apertura, que contará coa música do grupo Tribes Band. Tralo acto, proxectarase o filme Lobos sucios, de Simón Casal, con música de Sergio Moure.

A Fundación SGAE celebra a saúde efervescente do Festival de Cine Internacional de Ourense, que este ano recibiu 347 longametraxes a concurso procedentes dos cinco continentes, superando tódolos seus rexistros, máis 57 curtametraxes, ata chegar aos 404 traballos presentados. A maioría dos filmes seleccionados son primeiras ou segundas obras dos seus autores, nunha clara aposta polos valores emerxentes.

O certame, que se abre este ano cunha película de Simón Casal, recoñecerá o traballo doutra socia da SGAE: a escritora Elvira Lindo, que recollerá o premio Irmandade do Libro ao mellor guion adaptado. Tamén se estrea unha nova sección, Cinemas de Galicia, que exhibirá filmes galegos recentes que serán programados deseguido por salas de toda a Comunidade.

O OUFF amosará unha excelente selección de traballos cinematográficos en diversos espazos da cidade de Ourense ata o vindeiro 22 de novembro.​