Os presidentes dos Consellos Territoriais incorpóranse ao Padroado da Fundación SGAE 08/maio/2018
Con esta medida, a Sociedade Xeral de Autores e Editores facilita a participación dos seus socios nas decisións en materia de promoción cultural, formación e asistencia social, e avanza na descentralización da súa xestión

A Xunta Directiva da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) aprobou a incorporación dos presidentes dos seus seis Consellos Territoriais ao Padroado da Fundación SGAE. Esta decisión, acordada na súa reunión de onte, persigue o obxectivo de estar máis preto dos socios nas diferentes zonas xeográficas e facilitar a súa participación nas decisións en materia de promoción cultural, formación e asistencia social. Ademais, avánzase así na aposta pola descentralización da xestión.

Deste xeito, Jesús Carmona, presidente do Consello Territorial de Andalucía; Xavier Capellas, de Cataluña; Juan Rivas, de Galicia; Federico Vaona, de Madrid; Pep Llopis, da Comunidade Valenciana; e Óscar Castaño (Garbitxu), do País Vasco, pasan a integrar o Padroado da Fundación SGAE.

A creación dos Consellos Territoriais data de 2012 co fin de incentivar a contribución dos socios nas zonas que superan o 3% da masa social da entidade. O seu interese céntrase en dar voz aos autores residentes en cada unha das súas zonas xeográficas e reforzar a súa representatividade en tódalas decisións, ben sexa en materia de promoción cultural, formación ou asistencia social.

Os Consellos Territoriais son órganos colexiados que representan ao colectivo autoral e están compostos por socios de SGAE votados democraticamente polos seus compañeiros. Así, en 2013 celebráronse eleccións territoriais en Andalucía, Cataluña, Galicia, Madrid, Comunidade Valenciana e País Vasco.