O coruñés Raúl Dans gaña o Premio SGAE de Teatro 'Jardiel Poncela' 2015 con 'Las canciones que les cantaban a los niños' 02/out/2015
A obra, ambientada nas cidades de Vigo e Santiago de Compostela, céntrase nos encontros entre os presos de ETA e os familiares das vítimas do terrorismo e explora no perdón, a culpa e a redención

O dramaturgo Raúl Dans(A Coruña, 1964) é o gañador do XXIV Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015 pola súa obra  Las canciones que les cantaban a los niños. O autor acada así o galardón dotado con 8.000 euros, inclusión da obra no Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas e a publicación do texto dramático na Colección Teatroautor. Dans toma o relevo do anterior premiado, Fernando Epelde, tamén galego.

O escritor declara sentirse “moi honrado e feliz”: “Polas características do galardón, coa dotación económica, a publicación do texto e a lectura dramatizada, o Jardiel Poncela é un auténtico agasallo e un berro de ánimo”. Dans engade que “cando escribes unha obra desexas que goce dunha vida longa e plena, que alcance o seu lugar natural, a escena, e este recoñecemento supón un inicio francamente esperanzador”.

Orixinalmente escrita en galego, Las canciones que les cantaban a los niños é unha obra de carácter humano, na que Raúl Dans explora temas como o perdón, a culpa e a redención. A acción desenvólvese nas cidades de Vigo e Santiago de Compostela durante a primavera do Movemento 15 M, meses antes de que ETA anuncie, en outubro de 2011, o cesamento definitivo da actividade armada, e remóntase á década dos 80 do século pasado, os anos do terrorismo máis duro e dos GAL. Na obra hai dúas tramas principais que se entrelazan a medida que avanza a acción. Por unha banda está a historia dunha presa de ETA que vén de saír de prisión despois de cumprir a súa condena e, paralelamente, a dun mozo que desexa sabelo todo sobre a súa nai -ausente da súa vida dende que era un neno- para acabar descubrindo o terrible segredo que se agocha trala súa desaparición. “A idea do texto xurde dos encontros que promove a Vía Nanclares entre presos de ETA e familiares de vítimas do terrorismo. Preguntábame cómo se desenvolverían estes encontros, qué se di nun momento así, con qué palabras, e decidín poñerme a escribir sobre iso”, explica o autor.

O xurado do Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015, a que concorreron un total de 187 obras,  estivo presidido por Alfonso Plou e composto por Eduardo Alonso, Guillem Clua, Verónica  Fernández, Eva Hibernia, Natalia Menéndez, Marta Torres e Paco Zarzoso.

Acerca de Raúl Dans 

Comezou no teatro como actor. Despois de protagonizar  O mozo que chegou de lonxe, de J.M. Synge, nunha produción do Centro Dramático Galego dirixida por Mario Gas (1988), abandonou os escenarios. Comezou a formarse como guionista e dramaturgo en obradoiros e seminarios impartidos por José Sanchis Sinisterra, Robert McKee e Jean-Claude Carrière, entre outros.

En 1993 publicou a súa primeira obra: Matalobos, premio Rafael Dieste de Teatro. Un ano despois gañou o premio Álvaro Cunqueiro de Teatro con Lugar, que chega aos escenarios en 1999 producida polo Centro Dramático Galego e dirixida por Antonio F. Simón. En 1998 iniciou a súa andaina com dialoguista, argumentista e creador de ficción para a Televisión de Galicia en series como A miña sogra e máis eu, Pratos combinados, A vida por diante, Terra de Miranda, As leis de Celavella...

En 2008 apareceu o seu teatro breve nun volume titulado  Nun mundo hostil e dous anos máis tarde, en 2010, gañou de novo o Premio Álvaro Cunqueiro de Teatro con  Chegamos despois a unha terra gris. E ao ano seguinte alzouse co Premio de Teatro da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Con Unha corrente salvaxe acadou por segunda vez o Premi Born de Teatre (2012), galardón que xa conseguira na edición de 1997 coa obra Derrota, estreada por Argos Teatro na Habana en 2011 con dirección de Edith Obregón. Dans,ademais, é actor de dobraxe en galego e castelán dende 1985.

Premio SGAE de Teatro ‘Jardiel Poncela’

A Fundación SGAE convoca este galardón dende hai 24 anos co obxectivo de fomentar a creación de novos textos dramáticos que, tanto pola boa calidade e orixinalidade dos seus diálogos, como pola súa visión escénica, axudan ao desenvolvemento do Teatro. Dende a pasada edición de 2014, a Fundación SGAE decidiu que o Premio SGAE se chame Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela para reivindicar a figura do dramaturgo, cuxo estilo tivo unha grande influencia na cultura iberoamericana contemporánea.

Dende o ano 2000, o premio recoñeceu a: Fernando Epelde, en 2014; Antonio Morcillo, en 2013; Fernando Epelde, en 2012; Carlos Contreras, en 2011; Irma Correa, en 2010; José Manuel Mora, en 2009; Gracia Morales, en 2008; Antonio Morcillo, en 2007; Alejandro Mañas, en 2006; Juan Carlos Rubio, en 2005; Angélica Liddell, en 2004; Julio Escalada, en 2003; Alberto Miralles, en 2002; Antonio Morcillo, en 2001, e Antonio Jesús González, en 2000.​